REVISIÓN 1 - 2 bac
TEXTO
Non é a primeira vez. Hai
cousa dun ano xa escoitei como Boyero se incomodaba co acento galego, e lembro
que o locutor da radio se decataba do que o crítico viña de dicir e o avisaba
para que recollese as súas palabras ou, cando menos, as matizase cunha rectificación
en directo, pero el, con esa chulería lenta e un chisco macarrónica, teimaba no
agravio amosando unha vez máis que non era quen de admitir esa complexidade que
trae a diversidade lingüística, o mesmo que lle acontece cun certo tipo de cine
exótico que moitos amamos e el despreza. Mais isto xa é cuestión de gustos. O
acento non. Detrás do acento ferve en moita xente un complexo latente durante
séculos e séculos de inxurias e sufrimento, e non só para os galegos, pero
tamén hai unha liña de orgullo que nos ata con firmeza ao que somos, coma un
primeiro lugar de pertenza. E aí é onde a ofensa a Luís Zahera se volve
colectiva. Sería doado, mesmo comprensible, dicir que o actor non lle gusta por
ser demasiado histriónico, por exemplo. Pero non. Para Boyero, se non hai
humillación non hai diversión nin polémica. E el, aínda que non o saiba,
arrastra os seus propios prexuízos, que mamou no franquismo e agora cospe con
ese ton áspero de ruína melancólica. As palabras adoitan configurar os nosos
desexos, e estas de Boyero non son palabras travestidas e inxenuas; son a
expresión certa dun interese inconsciente para lles pechar a porta a eses
galegos que non van servir a Madrid a señoritos coma el, intrusos que talvez
non sofren o pracer vergonzoso dun acento no que se concentra todo o sentimento
dun pobo. Non creo que o crítico rectifique e el seguirá a repetir sen piedade
as súas opinións con ese acento un chisco cavernoso, cheo de estropallo e
acidez, que, por moito que el pense, non é mellor ca o noso.
Antón Riveiro Coello, “Ofensa
colectiva”, La Voz de Galicia, 11 de outubro de 2024
PREGUNTA 1. COMUNICACIÓN.
(2+0,5=2,5 puntos)
Lea atentamente o texto
anterior e responda estes dous apartados:
1.1. Realice un resumo do
artigo destacando nel as ideas principais. Evite parafrasear o texto, exprésese
coas súas palabras. Extensión aproximada: 60 palabras. (1 punto)
1.2. Indique e explique se o
texto anterior é descritivo, narrativo ou expositivo-argumentativo. Xustifique
a súa resposta con, como mínimo, tres exemplos tirados do texto. Extensión
aproximada: 60 palabras. (1 punto)
PREGUNTA 2. REFLEXIÓN SOBRE A
LINGUA. (2+0,5=2,5 puntos)
Responda dous destes catro
apartados:
2.1. Indique se a vogal tónica
das seguintes palabras, destacadas en letra grosa no texto, é unha vogal media
semiaberta ou semipechada: certo, galegos, desexos, polémica, vergonzoso. (1
punto).
2.2. Sinale a que categoría
gramatical pertencen as seguintes palabras que aparecen subliñadas no texto:
isto, detrás, durante, onde, ca. Engada un segundo exemplo de cada tipo
extraído tamén do texto. (1 punto).
2.3. Identifique no texto un
enunciado concesivo, un disxuntivo, un adversativo e un copulativo. Engada un
segundo exemplo de cada tipo, ben tirado do texto ben de colleita propia, que
empregue un nexo oracional diferente. (1 punto).
2.4. Sinale os prefixos e
sufixos das seguintes palabras e identifique os seus valores: firmeza,
humillación, franquismo, prexuízos, inconsciente. Indique, para cada caso,
outra palabra co mesmo sufixo/prefixo e co mesmo valor. (1 punto).
PREGUNTA 3. A LINGUA E OS SEUS
FALANTES. (2+0,5=2,5 puntos)
Responda un destes dous
apartados:
3.1. A partir do artigo de
Antón Riveiro Coello, escriba un texto de opinión centrado nos prexuízos
lingüísticos, especialmente aqueles que teñen que ver coa pronuncia e coa
fonética. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación
(dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 200 palabras.
(2 puntos).
3.2. Este relato, titulado “O
passsota”, pertence ao libro Navia, nai (2005) de Toño Núñez. Indique que
variedade dialectal reflicte xustificando a súa adscrición mediante, como
mínimo, catro exemplos tirados do relato. A partir desta narración e dos seus
trazos dialectais elabore logo un texto expositivo-argumentativo sobre o valor
das variedades dialectais das linguas, especialmente da lingua galega.
Extensión aproximada: 120 palabras. (2 puntos).
O vrau pasado veu de vacaciois
o fillo de Aurora do Pico, Pascual. O Pascual é destes rapaces de agora,
moderno, pasota. Unha mañá díxolle súa avoa: “Oi, Pascualiño, vaille botar unha
presada de verzas aos cochos”. “Paso Tata, eso es un mal rollo” (...) Pola
tardiña arriba, o Pascual ergueuse de debaixo da figueira que hai tras da casa
e foi ata a cociña. “Tata, tengo hambre: vete a buscarme un chourizo de eses
guai que tienes en el horno”. A avoa mirouol con muita cachaza mentras abaneaba
a cabeza (...) e espetoulle: “Sabes que che digo, pavilón? Que paso... E tu
segue a pasar...fame”.
Toño Núñez, “O passsota”,
Navia, nai (2005)
PREGUNTA 4. EDUCACIÓN
LITERARIA. (2+0,5=2,5 puntos)
Responda un destes dous
apartados:
4.1. Este fragmento pertence á
novela de Vicente Risco, O porco de pé (1928). Relacione o texto, sucintamente,
coa súa época e co seu autor. Comente, brevemente, o tema central do fragmento
explicándoo a partir de exemplos tirados do texto e sinale os principais
recursos empregados na caracterización do personaxe protagonista. Extensión
aproximada: 200 palabras. (2 puntos).
Na posguerra, D. Celidonio
ascendeu de porco a marrán e chegou a Alcalde. A parenta inflou coma o fol da
gaita. Agora é presidente da Xuntanza Cidadá e de Outras Sociedades. A parenta
botou abrigo de chinchilla e petit-gris. Fixeron casa nova e teñen outro
automóbil. Aínda podían ter máis. (...)
Don Celidonio é gordo e
artrítico. O carrolo sáelle para fóra; na calva ten unha que outra serda; ten
as fazulas hipertrofiadas, da cor do magro do xamón, e tan lustrosas, que
semella que botan unto derretido; as nádegas e o bandullo vánselle un pouco para
baixo.
O lardo rezúmalle por todo o
corpo, e no verán súao en regueiros aceitosos e en pingotas bastas, coma as que
deitan os chourizos cando están no fumeiro.
Así como é graxento o corpo,
tamén o miolo de D. Celidonio. Se lle escachasen a testa, que tiña que ser con
pau-ferro e picaraña, en lugar dunha sesada había atopar un unto. Corpo e alma,
tanto ten, todo é graxa e manteiga. Don Celidonio é igual por dentro ca por
fóra: carne e espírito son a mesma zorza, mesturada e revolta, co mesmo adubo
de ourego e pemento.
Vicente Risco, O porco de pé
(1928)
4.2. Este poema de Xohana
Torres pertence ao libro Tempos de ría (1992). Relacione o texto, sucintamente,
coa poesía do momento e coa escrita da autora. Indique o tema principal e
xustifíqueo a partir de exemplos tirados do texto. Analice o sentido e a importancia
dos elementos da mitoloxía clásica grecolatina presentes no poema. Extensión
aproximada: 200 palabras. (2 puntos)
DECLARA o oráculo:
«QUE á banda do solpor é mar
de mortos,
incerta, última luz, non terás
medo.
QUE ramos de loureiro erguen
rapazas.
QUE cor malva se decide o
acio.
QUE acades disas patrias a
vindima.
QUE amaine o vento, beberás o
viño.
QUE sereas sen voz a vela
embaten.
QUE un sumario de xerfa polos
cons.”
Así falou Penélope:
“Existe a maxia e pode ser de
todos.
¿A que tanto novelo e tanta
historia?
EU TAMÉN NAVEGAR»
Xohana Torres, Tempos de ría
(1992)


Comentarios
Publicar un comentario