UD 2 E UD 3 2 BACH
1. TEXTOS, TEXTOS, TEXTOS
** PREGUNTA 1. Comunicación (4 puntos)**
Esta primeira pregunta non terá optatividade de xeito que todos os seus apartados serán obrigatorios para todo o alumnado. Centrarase en cuestións sobre algún aspecto de comprensión e análise do texto:
1. Resumir o texto ou unha parte del.
2. Realizar un esquema ou indicar o tema ou temas.
3. Indicar a estrutura.
4. Identificar as ideas principais e secundarias.
5. Explicar o significado concreto no texto dalgunha palabra, expresión ou fragmento.
6. Recoñecer a intencionalidade. Será especialmente interesante que se perciba o sentido real do texto, alén da súa literalidade (pénsese en recursos como, por exemplo, a ironía, as presuposicións etc.).
7. Identificar xéneros discursivos desde o punto de vista da comprensión, produción e análise crítica.
8. Escoller entre varias opcións, para avaliar as competencias relacionadas coa comprensión etc.
A puntuación total desta primeira pregunta será sempre de 4 puntos.
ATENCIÓN: A pregunta máis importante do exame, supón o 40% da nota e non hai contidos para estudar. Por iso hai que ter moi claros os conceptos, pensar ben o que escribir e facelo con corrección.
**RESUMO: esta pregunta debe responderse en catro ou cinco liñas, coas propias palabras e nun único parágrafo sen copiar as frases do texto. Outro erro moi habitual é introducir a opinión propia cando o que se pide é que se resuma a opinión do autor do texto.
**ESQUEMA: se o que piden é un esquema, isto suporía algo máis de tempo. Trátase de subliñar ideas principais e secundarias. Consello: non convén subliñar na primeira lectura, todo parece importante. Mellor despois da segunda e reflexiva lectura. Se o texto tiver título, fixarse nel; é parte a miúdo moi importante do texto. Se non se pide xustificación non hai que achegala. Pode facerse en forma de chave, satélite, cun gráfico ou simplemente clasificándoas en principal e secundarias.
**IDEAS PRINCIPAIS E SECUNDARIAS: para entender ben cales son as ideas principais é importante entender a estrutura do texto. Marcar claramente unhas e outras sen interpretalas, a non ser que o pidan.
**ESTRUTURA: esta cuestión tamén pode ter máis dificultade que o resumo ou o esquema; non debemos confundir esquema e estrutura. O obxectivo na estrutura é detectar as partes en que podemos dividir o texto e a súa interrelación:
-introdución/argumentación/conclusión
-problema/solución
-pregunta/resposta
-tese/antitese/(síntese); distribución diacrónica etc.
Cada texto ten a súa singularidade e o importante é xustificar a interpretación. Unha vez máis cómpre lembrar que, se ten título, debemos telo en conta. A xustificación da estrutura pode ser un bo resumo do texto.
Nun texto expositivo habería que sinalar a introdución, desenvolvemento e conclusións.
Nun texto argumentativo habería que sinalar a tese, argumentación e conclusións.
Nun texto narrativo habería que sinalar o inicio ou presentación, o nó ou desenvolvemento e o desenlace.
Canto á organización interna (a estrutura interna) podemos atopar:
-Estrutura dedutiva: a información vai do máis xeral ao máis específico. Vaise expoñendo aos poucos a información sobre un tema.
-Estrutura indutiva: a información vai do particular ao xeral. O contido máis importante queda para o remate. Por exemplo, a partir dun caso ou anécdota chegar a unha situación xeral.
-Estrutura circular (menos usada): a información máis importante está ao comezo e no remate, os argumentos iniciais e finais están relacionados.
*TEMA: é a unidade de información xenérica que lle outorga unidade de sentido ao texto, é unha información xeral, sen detalles nin especificacións. O mellor é preguntarse de que fala o texto, de que trata?
Poden ser exemplos de temas: ensinanzas da pandemia do coronavirus, o cambio climático en Galicia, a alimentación sa na mocidade, os beneficios de facer deporte... No tema sempre poucas palabras.
Pode haber no texto varios temas, mesmo un tema principal e varios secundarios.
**INTENCIÓN COMUNICATIVA: fai referencia á intención que ten o emisor da información ao crear un texto, relacionada coa reacción que busca provocar no receptor ou receptora.
O alumnado deberá comprender o sentido real do texto, máis alá da súa literalidade, percibindo recursos como, por exemplo, a ironía, as implicaturas, presuposicións... que quere comunicarnos o autor e que recursos usa para ese fin.
**XÉNEROS DISCURSIVOS (fonte): Os xéneros discursivos son estruturas que conteñen e ordenan, de xeito particular, as palabras dun falante.
-Son enunciados que manteñen coherencia dentro dun contexto determinado.
-Reflicten as condicións externas do falante (influencia da cultura, factores sociolingüísticos, capacidade de interacción...).
-Ordenan a comunicación.
-Son dinámicos (desenvólvense co tempo e permiten a coherencia).
-Están contextualizados nun ámbito cultural, idiomático ou contextual determinado.
-Constrúen estruturas sociais (ex. un grupo de estudantes, un de seareiros dun equipo).
Os xéneros discursivos poden ser primarios (fan referencia á comunicación informal e cotiá, son simples e espontáneos: unha conversa entre alumnos) ou secundarios (fan referencia a unha comunicación complexa e elaborada: un texto literario, un informe cientifico).
Os tres elementos principais nun xénero discursivo son:
-Tema: establece de que se debe falar.
-Estrutura: establece a orde ou diagrama das palabras (nunha carta formal está establecida, nunha informal é libre).
-Estilo: establece o grao de formalidade ou informalidade da comunicación (non é o mesmo unha entrevista de traballo que unha conversa entre compañeiros de traballo).
Aprendendo a definir palabras para exames da PAU, punto 1
Para que a definición sexa completa debe incluír dous apartados:
1.- A palabra a definir, indicando a clase de palabra e o xénero (cando o ten). Exemplo, Comedor, substantivo masculino.
2.- Unha oración na que se explica o significado da palabra. Exemplo, Lugar da casa onde se serven as comidas da familia.
Voluntario e recomendable cando non se consegue explicar ben:
3.- Un exemplo de uso desa palabra. Exemplo, Nós non temos televisión no comedor.
Atención:
-Non se debe repetir a palabra definida na definición
-Nas probas ABAU non aceptan as definicións con sinónimos
Unha vez que sabemos a clase de palabra, debemos ter en conta:
1.- Substantivos
-Empezaremos cun substantivo que identifique a clase de realidade que é: persoa, animal, lugar, instrumento, alimento, estado, efecto...
-Seguiremos coas características e detalles específicos para diferenciar a palabra.
Ex. Cociña: Subst. feminino. Lugar da casa onde se condimentan e preparan os alimentos para consumir as persoas.
2.- Adxectivos
-Podemos empezar por un dise, aplícase, refírese, que...
-Continuaremos explicando as características empregando adxectivos, substantivos...
Ex. Cociñado: Adxectivo masculino. Dise dun alimento condimentado, preparado xa para comer.
3.- Verbos
Para empezar podemos usar outro verbo, sinónimo do definido e despois explicar a acción mencionada por ese verbo.
Ex. Cociñar: verbo. Condimentar, preparar os alimentos as persoas antes de comelos, cocéndoos, asándoos etc.
4.- Adverbios
Explícase a circunstancia de tempo, lugar, modo etc.
Ex. Onte: adverbio. O día anterior ao actual.
Ningures: adverbio. En ningún lugar.
Axiña: adverbio. Moi pronto, sen demorarse, con rapidez
5.- Locucións, sintagmas, frases...
Explícase con outras palabras o significado.
Probemos agora a definir palabras pedidas en exames de selectividade
(entre parénteses o texto no que aparece a palabra para telo en conta)
decote, guinda, faíscas, abafantes (xullo 2024)
-decote (Ultimamente fálase decote do campo baleirado)
Adv. de modo continuo, todos os días. Sin.: acotío, a diario, decotío.
-guinda (á calor dunha perfecta cheminea que non guinda faíscas nin mancha o chan coa súa cinza)
V.t. Lanza [algo ou alguén] a certa distancia ou ao chan. Sin.: (ar)rebola, ceiba, lanza.
-faíscas (á calor dunha perfecta cheminea que non guinda faíscas nin mancha o chan coa súa cinza)
S.f. Partículas con lume ou xa reducida a cinsa que salta dun corpo que arde. Sin.: moxena, muxica.
-abafantes (Non hai cheiros nin insectos que piquen nin lama nin soles abafantes)
Adx. Asfixiantes, que dificultan a respiración, que causan afogo ou sufoco. Sin.: Atafegantes, sufocantes.
recolleitas, crenza, xurdiu, caveiras (xuño 2024).
-recolleitas (Con esta festividade celebrábase o comezo do inverno, comezaba a temporada “escura”, a do frío e sen recolleitas)
Substantivo feminino. Conxunto de produtos do campo, ou dun produto en particular, que se apaña ao chegar a época, polo xeral unha vez ao ano.
-crenza (Durante o Samaín existía a crenza de que os defuntos visitaban as igrexas)
Substativo feminino: Idea que alguén ten acerca de algunha cuestión, principalmente de tipo relixioso
-xurdiu (Xurdiu hai tres mil anos e foron os irlandeses os que exportaron a celebración a Estados Unidos)
Verbo. Empezou a existir ou a ser advertido
-caveira (facer caveiras con cabazas para espantar os malos espíritos)
Substantivo feminino. Esqueletos da cabeza.
apego, materialismo, delegan, dó (xullo 2023)
-apego (Dende que teño memoria, sempre sentín apego polos obxectos)
Substantivo masculino. Afección, inclinación, amor por algo ou alguén.
-materialismo (o apego polos obxectos é o contrario do materialismo, que busca unha acumulación)
Substantivo masculino. Doutrina filosófica segundo a cal toda a realidade se reduce á materia, ao marerial
-delegan (deses homes que, no Nadal, “delegan” calquera compra nas mulleres)
Verbo. Transmiten a alguén [as súas facultades ou poderes para obrar ou tomar decisións].
-dó (o Nadal foi tamén un tempo de dó, de recoller o armario da miña mai)
Substantivo feminino. Sentimento de mágoa que produce no espírito o sufrimento de alguén e que leva a tratar de evitalo ou de non aumentalo.
NON SINALAN AS SOLUCIÓNS NOS CRITERIOS DAS ABAU
froita con becho, simulacro, espazo residencial, frankestein sociolóxico (xuño 2023)
-froita con becho (Unha casa sen balcón é hoxe en día unha froita con becho no mercado inmobiliario)
Que non ten valor, que ninguén a compra, o mesmo que a froita con becho.
-simulacro (Habitar a aldea como moitas de nós fixemos e continuamos facendo é un simulacro)
Imitación falsificada, reprodución fallida
-espazo residencial (Vivimos na aldea como se vivísemos nun espazo residencial, nun barrio desa cousa)
Parte dunha cidade destinada a vivendas da clase acomodada e ben urbanizada
-frankestein sociolóxico (habitamos un espazo híbrido, un frankestein sociolóxico, que non é quen de crear un concepto cabal de comunidade)
Un monstro incontrolable sociolóxico, que pode volverse contra si mesmo.
NON SINALAN AS SOLUCIÓNS NOS CRITERIOS DAS ABAU
viscosa, burocracia, loito nacional, slogan (xuño 2022)
-viscosa (É viscosa a conversa dos adultos)
Adxectivo, feminino. Dise dunha substancia pegañenta e espesa, mesta.
-burocracia (ao tempo que pon en escena o argumento pesado da burocracia que xerou o caso)
Substativo, feminino. Exceso de trámites e informes pedidos pola administración.
-loito nacional (Non hai monumentos, non hai loito nacional ou lembranza anual)
Substantivo, masculino + adxectivo. Tristeza ou pesar pola morte de algo ou alguén neste caso aplicada a toda a nación.
-slogan (un grafiti enorme miraba á ría e berraba: NUNCA MÁIS. Quedounos o slogan coma un símbolo)
Substantivo, masculino. Texto ou frase usados como propaganda comercial, política, social...
inédita, produtividade, alienación, pés de barro (xullo 2021)
-inédita (Durante o confinamento estrito pola Covid-19 da pasada primavera sucederon moitas cousas inéditas, como inédita foi unha situación de pandemia que, en menos de tres meses, tiña o mundo paralizado, recluído e atemorizado)
Adxectivo, feminino. Dise de algo que nunca se vira, que resulta descoñecido.
-produtividade (Si, o termo produtividade está aquí traído á mantenta. Ei, un momento!)
Substantivo, feminino. Capacidade de producir, de crear riqueza.
-alienación (cando temos tempo de sobra, tempo libre, tempo sen ataduras, non sabemos que facer con el. Hai alienación maior? Unha forma de vida baseada nunha escravitude tan invisíbel como desexada, ten que ter éxito por natureza.
Susbstantivo, feminino. Aplícase a unha persoa ou grupo que deixou perder algo de seu, do que debía ser.
-pés de barro (Esta pandemia é algo máis que unha enfermidade respiratoria colectiva. Puxo de manifesto a nosa fraxilidade, as costuras do sistema, os pés de barro sobre os que se asentan as nosas idílicas vidas)
Expresión que se aplica a algo moi fráxil, vulnerábel.
mito, negación, emerxencia, desacreditar (proposta 2021, setembro 2020)
- mito ( Como consecuencia, que os negacionistas se vallan de certos mitos (no mellor dos casos, noticias falsas; no peor, descaradas mentiras) para desautorizar á ciencia do cambio climático...)
Substantivo, masculino. Suceso, personaxe, historia fabulosa, aquí aplicado a teorías ou noticias que non teñen validez científica.
- negación (A negación organizada do cambio climático está contribuíndo ao estancamento na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro...)
Substantivo feminino. Acto de levar a contraria, descualificar o cambio climático.
- emerxencia (ata desembocar no estado de emerxencia global no que nos atopamos)
Substantivo feminino. Situación problemática e inesperada con moitos riscos e perigos.
- desacreditar (A continuación expoñemos dous destes mitos e as probas científicas que os desacreditan)
Verbo. Argumentar para facer que algo deixe de ter validez científica, de ser crible.
de carácter forte, caza furtiva, xente esfameada, superstición, animista (xuño 2019)
- de carácter forte (era unha muller tímida pero de carácter forte)
Dise da muller que semella coitada e tímida, mais pode dar contestacións e levantar a voz.
- caza furtiva (tamén se dedicou a crear unha conciencia en contra da caza furtiva)
Tipo de caza de animais feita sen que o cazador sexa visto, porque non ten permiso ou está prohibido nese lugar.
- xente esfameada (E un cacho de carne sempre era ben recibido na boca daquela xente esfameada)
Persoas que hai tempo que non comeron ou non teñen para poderen comer.
- superstición (En ocasións, Dian Fossey combateu esta práctica xogando coa superstición dos indíxenas)
Substantivo. Pensamentos ou crenzas falsas, aínda que baseadas en tradicións.
- animista (Moitos africanos son animistas e cren que os mortos viven entre os vivos)
Adxectivo. Dise das persoas que pensan que os animais teñen alma ou que as persoas ao morreren se encarnan en animais.
premonitoriamente, falangueiro, limpeza étnica, orzamento militar (xuño 2019)
- premonitoriamente (Unha fantasía distópica publicada en 1935 que tal semella fose escrita para describir, premonitoriamente, a administración do actual presidente)
Adverbio. Antecipándose ao que pasará no futuro, a sucesos que aínda non pasaron.
- falangueiro (pero que resulta un hábil orador, populista, falangueiro e cómico, cun don para saber o que á xente lle encanta oír)
Adxectivo. Dise de alguén que ten unha conversa agradable e divertida.
- limpeza étnica (levado deste pulo de limpeza étnica, comeza unha guerra contra México, ao que acusa de provocacións inexistentes)
Aplícase a actos ou ideas contrarios á igualdade dos pobos que pretenden eliminar os que son doutras comunidades ou etnias.
- orzamento militar (por non dedicar a orzamento militar máis recursos e por ter rematado a escravitude)
Suma de gastos e investimentos no exército, en armamento.
man pantasma, letra pequena, prostitución do proceso de creación científica, ciencias básicas (setembro 2019)
- man pantasma (unha man pantasma, que pode dirixir experimentos en principio puramente científicos)
Un poder oculto ou agochado que manexa a situación sen que saibamos del.
- letra pequena (senón pola letra pequena dos informes científicos)
Aplícase ás partes menos visibles, agochadas no final, nas marxes ou notas porque pretenden ocultarse.
- prostitución do proceso de creación científica (Con esta prostitución do proceso de creación científica todos perden, empezando polos pacientes)
Aplícase a un uso indebido da investigación na ciencia, usándoa para o que non se debe.
- ciencias básicas (O problema é que as ciencias básicas funcionan a longo prazo, mais os políticos non)
Aplícase aos estudos científicos que son esenciais e máis necesarios.
rosmando, cuco, eslombándome, bulindo, pampo (setembro 2018)
-rosmando (recíbea un Manuel rosmando porque non está a cea)
Verbo. Falando baixo e con palabras que non se entenden moi ben para protestar.
- cuco (Falou o cuco do reloxo!)
Substantivo masculino. Paxaro migratorio que pon os ovos no niño de outro paxaro. No texto refírese aos reloxos de cuco que daban as horas imitando o canto deste paxaro.
- eslombándome (que para iso boto o día eslombándome na obra)
Verbo. Traballando moi duro, esforzándose moito.
- bulindo (Pois veña, Brancaneves, bulindo)
Verbo. Apurando no que se está a facer, movéndose con présa.
- pampo (O Manuel queda pampo na porta da cociña)
Adxectivo. Dise de alguén que está parado e con cara de asombro, de non crer o que ve ou escoita.
sentido crítico, figura tóxica, referente da escrita, carto rápido, termóstato da saúde social (setembro 2017)
- sentido crítico (tantos que é imposíbel a súa asimilación con sentido crítico e reflexivo)
Refírese ao pensamento ou opinión que se para a pensar para ver o que é mellor ou peor sen dar por bo todo o que le ou escoita.
- figura tóxica (Coñécese antes calquera figura mediocre e incluso tóxica para a formación do individuo)
Refírese aos modelos ou exemplos que son malos, nocivos para a formación das persoas.
- referente da escrita (que unha referente da escrita, da música, da ciencia, das artes plásticas, do teatro etc.)
Escritora ou escritor que é moi importante e debe ser exemplo e guía para os demais.
- carto rápido (Refórzase ao valor do acceso ao carto rápido antes do que a cultura do esforzo e o traballo)
Diñeiro que se consegue axiña aínda que sexa por medios pouco recomendables.
- termóstato da saúde social (non me parece o mellor termóstato da boa saúde social)
Instrumento de medida para controlar que a sociedade estea como é debido.
FONTE: https://www.ogalego.gal/exercicios_de_lingua/exercicios/linguagalega2bach.html
Información principal: TIPOS DE TEXTOS
TEXTO 1
A saúde mental infantil e adolescente experimentou nos últimos anos unha importante deterioración que lles preocupa cada vez máis ás familias e ao profesorado. Esta semana as consellerías de Educación e Sanidade poñían en marcha un protocolo contra o risco suicida na infancia.
O 98,5 % de adolescentes están polo menos nunha rede social e o 85 en tres ou máis. É o seu espazo de socialización. Pero xa desde os 10 anos moitos cativos fan un uso intensivo do teléfono sen supervisión.
Ao chegar aos 15, o móbil acada o momento de maior risco como ferramenta de acoso entre iguais, segundo explica Antonio Rial, doutor en Psicoloxía Social: "Ten problemas e implicacións a nivel de saúde: hai novas formas de adicción e un malestar emocional e ten problemas a nivel de convivencia. A OMS o que di claramente é que un uso maior e máis intensivo a idades máis temperás implica maiores taxas de ciberacoso e implica multiplicar por 5 as taxas de depresión e mesmo de ideación suicida"
. O acoso dixital é máis silente, pode darse a calquera hora e todos os días da semana. Rial advirte de que hai dous problemas fundamentais: o uso intensivo e sen supervisión da tecnoloxía a idades moi temperás e a educación, porque os espazos de convivencia que teñen as familias hoxe en día son escasos e impiden que se perciba o acoso desde o seu inicio. (...)
Insisten en que todos estes signos aparecen antes da baixada do rendemento académico, que é cando moitas familias se decatan do problema. E que o fenómeno é global, polo que calquera pode ser vítima e tamén agresor.
Fonte: www.g24.gal/-/a-saude-mental-na-infancia-e-adolescencia-empeora-co-mal-uso-das-tecnoloxias
PREGUNTA 1. COMUNICACIÓN. (3,25+0,75=4 puntos)
Lea atentamente o texto anterior e responda estes dous apartados:
1.1. Realice un resumo do texto, destaque as ideas principais e indique a estrutura. Evite parafrasear o texto, exprésese coas súas palabras. Extensión aproximada: 90 palabras. (1,75 puntos).
1.2. Indique e explique se o texto anterior é descritivo, narrativo ou expositivo-argumentativo. Xustifique a súa resposta con, como mínimo, tres exemplos tirados do texto. Extensión aproximada: 60 palabras. (1,5 puntos)
2. O TEATRO E A PROSA DO PRIMEIRO TERZO DO SÉCULO XX
SOBRE O MARISCAL DE CABANILLAS
SOBRE A FIESTRA VALDEIRA DE DIESTE
TEXTO DE OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE DE CASTELAO
TEXTOS para analizar: Os vellos non deben de namorarse, Castelao
4.1. Vídeo da representación teatral. IGAEM, 2000
4.2. Comentario do fragmento "Lela" de Os vellos non deben de namorarse
4.3. Guía de lectura:
4.3.1.- Estrutura:
Estamos ante unha obra que o mesmo autor chama no prólogo "farsa en 3 lances" e polo tanto sabemos xa que non nos imos atopar cunha obra tradicional (FARSA= "peza na que a realidade se deforma con propósitos de estilización", de aquí derivarán os esperpentos de Valle-Inclán) senón que se mesturan elementos realistas e expresionistas, cunha finalidade en moitos casos simbólica, e adquire unha grande importancia a escenografía Hai moitas similitudes co teatro de Valle-Inclán pola realidade tratada.
O tema da obra (estreada en Buenos Aires, 1941 e publicada por 1ª vez no 1953) é tópico e universal (casos temos abondos na vida real): "este coñecidísimo drama, que agora ides ver nunha farsa nova" (Prólogo)- xa fora tratado por Ferdez. Moratín, El si de las niñas, el viejo y la niña, mais en Castelao é farsa non é comedia) pero tratado dunha forma orixinal: tres versións diferentes e independentes do mesmo drama precedidas dun Prólogo (que "será por altavoz colocado na carátula que porta unha gran boneca de cartón. Esta figura aparecerá despois de erguerse o pano de boca e diante das cortinas negras, cerradas") e seguidas dun epílogo. A denominación de lances [episodio que constitúe unha acción completa] que lle dá é máis axeitada que a de actos, ao seren tres farsas autosuficientes, sen relación unha coa outra.
O tema son as relacións entre o amor e a morte. Entre outros subtemas : a decadencia da fidalguía, como conseguir a felicidade, os casamentos amañados...
O primeiro que chama a atención despois de ler a obra é a diferenza de ton entre os 3 lances e as outras 2 partes: o prólogo é unha declaración de principios absolutamente inesencial para o desenvolvemento da obra e que só podemos relacionar co desexo moralizante que se desprende do epílogo, tamén explícito aquí: "é ... un aviso en 3 estalos que lle damos aos vellos namoradeiros... Os vellos deben gardar amores antigos, porque lles axudan a vivir; pero morren cos amores novos, e a súa morte fai rir ás xentes".
Pola súa parte, o epílogo cumpre a función (dentro da obra) de reforzar a unidade da obra, reunindo os tres vellos e a moral de permitirlles arrepentírense do seu erro e debilidade ("Por namorarnos de vellos", que acaba a obra).
Tal é o desaxuste entre os lances e o resto, que en palabras de Carballo Calero "Os vellos non deben de namorarse é título que corresponde en realidade ao epílogo. Os lances máis ben deberían levar como título Os vellos namóranse" (Historia da literatura galega, p. 662).
Esta farsa preséntasenos en forma de traxicomedia: na superficie, no exterior, a obra é cómica, humorística, pero por baixo xorde a realidade antropolóxica da traxedia do vello namorado, que acaba coa morte de todos eles e no fondo é a amargura a que domina, porque a conclusión final é que "os vellos non deben de namorarse".
Os 3 lances veñen ser como 3 realizacións, 3 exemplificacións concretas do mesmo motivo e por iso se nos presentan en multitude de ocasións como perfectamente simétricos e paralelísticos (se ben tamén con notábeis diferenzas, sobre todo no que atinxe ao terceiro lance, que foi escrito por Castelao como peza independente moitos anos antes en Pontevedra (1931). o 2º foi rematado antes do 1936, o 1º en Nova Iorque no 1939, o epílogo en BB.AA. antes de se representar. Nos tres: un vello namórase dunha moza (que ten relacións cun mozo) e a causa diso morre.
Tempo : apenas hai referencias históricas, o tema é intemporal. Tampouco os lances teñen moitas marcas temporais : o primeiro pode durar algo máis de un día ; o segundo é durante un domingo de entroido; o terceiro dura uns días ; o epílogo decorre durante unha noite de luar.
Espazo : é ambiguo combinándose os interiores e exteriores. Único sitio citado: o Candán, no terceiro lance
Todo isto contribúe a darlle un marcado carácter simbólico aos personaxes.
4.3.2. Desenvolvemento Escénico
Despois de falarmos da estrutura da obra, podemos analizar o desenvolvemento escénico (estrutura interna): na trama dos 3 lances aparecen (ademais de outras individuais) as seguintes secuencias (non sempre exactamente coincidentes con escenas) aínda que se realicen por orde diferente:
LANCE 1º 2º 3º
1.-O vello solicita moza | 1ª | 3ª | 3ª |
2.-Actitude dos adxuntos | 4ª (1) | 1ª | 1ª |
3.-Dúo de moza e mozo | 5ª (2) | 3ª | 2ª |
4.-A opinión pública opina | 5ª | 2ª | 4ª |
5.-Anuncio de catástrofe | 3ª e 5ª (3) | 4ª (4) | 4ª |
6.-Catástrofe | 6ª | 4ª | 5ª |
7.-Epílogo (5) | 7ª | 4ª | 6ª |
(1) Lévase a cabo dun xeito implícito: elas xa coidan do vello, non lle cómpre outra muller. (2) Non directamente enfrontados, senón de parola coas mulleres. (3) Tal vez se repita por estar moi lonxe o 1º. (4) Case sen separación da propia morte. (5) Anticlímax, formas diferentes de liturxia fúnebre.
O vello solicita a Moza (1) nunha última tentativa de se aferrar á vida. Mais o método utilizado é reprobado pola sociedade (2,4), principalmente polas mulleres, aínda que outras personaxes contribúan á censura, quizais de xeito máis burlesco (lance 2º). A reprobación do pobo está próxima da catástrofe que se aviciña (5) Pero a tensión que isto produce reláxase co encontro entre os namorados novos (3) que confirman as poucas posibilidades que existen de que a traxedia non se produza. Na catástrofe (6), a Morte restaura a orde natural quebrada para se ofrecer no Epílogo de cada Lance (7) a visión que do cantecido teñen as personaxes que non foron víctimas da traxedia.
Non coinciden numericamente as escenas naturais coas escenas en que Castelao divide a peza, mesmo hai secuencias que se desenvolven en varias "esceas".
4.3.3. Funcións simétricas dos personaxes.
Despois de vermos o desenvolvemento escénico dese arquidrama, debemos analizar os personaxes arquetípicos que se ven implicados nel (segundo Carballo Calero):
1.- Vello | Saturio | Ramón | Fuco |
2.- Moza | Lela | Micaela | Pimpinela |
3.- Mozo | Carabineiro | Portugués | Mozo |
4.- Morte | Mendicante | Sapo | Morte |
5.- Pobo | Mulleres | Mulleres | Mulleres |
6.- Parentes | Irmás | Pais | Pais |
7.- Mensaxeiro | .............. | Rapaz | ........... |
8.- Censores | .............. | Máscaras | ........... |
9.- Bailaríns | .............. | Espantallos | ........... |
10.- Coro | Coro | Coro | Coro |
4.3.4. Tradición e modernidade.
Como xa vaimos a obra é unha síntese entre tradición e modernidade. Os elementos principais de carácter tradicional son :
- O parrafeo ou palique amoroso. Tradicional forma de galanteo amoroso. Tamén o feitizo de amor é tradicional.
- O pranto no final do 1º e no monólogo do 3º. O panto era un xénero literario medieval. Mantívose nos velatorios e está tratado dun xeito realista.
- O arró como espazo comunitario onde se fala da vida social da comunidade (as mulleres).
- A utilización da tarde noite dun domingo de entroido no 2º lance : máscaras, xogos, bromas.
- A morte está vista como na tradición popular : disfrazada de mendicante, como un sapo, como unha alma en pena que acompaña o viaxante.
- Utilización de cantigas populares no 3º e 2º lances (pandeirada, tuna).
- As caretas dos personaxes.
- Os esqueletes do epílogo que lembran as danzas da morte medievais (xénero dramático medieval de caracter alegórico).
A serenata dos boticarios está tirada da tradición estudantil pero tratada dun xeito moderno, expresionista.
Todo isto nunha peza dominada por un ton do máis conservador e cristián canto ao tema e á moral: hoxe xa se pensa doutro xeito?
Castelao Presenciou en París no 21 as actuacións no teatro Fémina O Teatro do Morcego (dirixido por Nikita Baliev): pezas breves nas que se combinaba música, poesía, escenografía moderna, intervencións do director.... Á volta escribiu sobre este teatro experimental e as posibilidaes de aplicación en Galicia desta realización espectacular do texto. Castelao volta de París querendo crear un Teatro da Arte, similar ao existente en Moscú desde fins do XIX.
Fun ó Teatro Fémina. Dende que estou en París non fixen máis que pensar en ir a ise teatro ; pero por falta de cartos non fun até agora. Disto vou falar bastante pois creo que o merece ben. (...) por exemplo nun cadro pintado con moitas figuras (algo caricaturesco e de moita cor até recurrir a influencias cubistas e futuristas) e no sitio das caras faise un buraco polo que asomarán as caras groseiramente pintadas que cantarán cousas populares : Un cadro pra calquera coro galego... (Diario, 1921)
Cando viaxa á URSS no 38 en Azerbaidjan presenza en Bakú a Ópera Nacional Azerí O fillo do cego, na que se mesturan instrumentos nacionais con europeos, aproveitando perfectamente os elementos tradicionais para o teatro. Varios autores falaron desta posible influencia. (Vid. Carballo Calero, Grial 67).
- O prólogo: dá as claves da obra. Moitos dos elementos son explicados en notas. Véxase nas Indicacións.
- Nas indicacións finais sinala punto por punto como debe ser a escenografía.
- As máscaras: diferentes en cada lance.
- Os retratos dos pais de D. Ramón (hai constancia de que foi tomado do visto en Europa : teatre du Chauve Sourois, ou teatro do Morcego, no Teatro Fémina)
- As caras das figuras pintadas no telón (fins do 3º lance)
- O coro. As mulleres: como un coro do teatro clásico grego (comentarios da acción). No 1º-2ª o coro de boticarios canta unha especie de parodia de "Triste y sola se queda Fonseca". Hai un coro de mozas e mozos no 2º lance. Tamén un coro canta a última canción do 3º lance. Influencia dos tradicionais coros ucrainianos que vira na súa viaxe (Vid. Diario).
- A música e cancións: 1º-2ª o coro de boticarios, marcha fúnebre no 1º-7ª, canción do portugués 2º-3ª, a pandeirada dos mozos no 2º-4ª. Un mozo no 2º-5ª canta sobre os amores dos vellos entre unhas longuísimas acotacións. Un coro fecha o 3º lancecoa cantiga do amor de Pimpinela.
- O xogo de luces: axuda a críar espazo escénico. Ex.: o sapo e a luz da ánima. O brillo da lúa chea que centra o epílogo.
- As cores e o vestiario deseñados por Castelao: o valor do pano vermello de Pimpinela e logo por veces cuberta de panos rameados. Sitúa as dez mulleres: fondo verde con chan verde (1º-5ª, 1º-2ª e 3º-4ª), que simboliza o espazo aberto, a tertulia, o arró. O fondo negro e chan negro que comezan o 3º lance. As cortinas negras que cerran o 3º lance.
En conxunto: espectáculo global con resonancias expresionistas e simbolistas. Lémbrese que nas Indicacións di que el nada trocaría da escenografía.
4.3.5. Fontes.
Ademais dos antecedentes literarios (Moratín, os casamentos amañados -A casamenteira, A man de Santiña, A lagarada- na súa obra atopamos :
- No epílogo retoma o espazo e a situación de Un ollo do vidro.
- No seu diario fala dos coros ucraínos e da posibilidade de introducir bailes e cantigas no teatro.
- O coro que canta xa se insinúa tamén no diario.
- O mesmo acontece coa escena dos retratos dos pais.
- Tamén a cantiga dos boticarios.
As maiores influencias recólleas da tradición cultural galega.
Apréciase a influencia de Valle Inclán pola realidade tratada e pola forma de o facer.
PREGUNTA 5.
Educación literaria
Contextualice o texto de Castelao na época literaria correspondente e sinale a importancia desta obra na evolución do teatro galego. Ademais, identifique e explique dúas características do seu estilo apoiándose no propio fragmento. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)
Entra un mendicante con cara de morto. Trai unha careta na man e pona diante do público para tapar a súa caveira e transfigurarse.
A MORTE ¡Ei, da botica!
O BOTICARIO ¡Que Deus o ampare, meu santo! …
A MORTE Eu teño unha doenza eiquí (Pon a man no peito.) ¡Levo chumbo derretido no corazón!
O BOTICARIO ¡Que me di!
A MORTE Chamando Entra o boticario. Non se burle de min, señor, polo que lle vou contar. Eu… eu namoreime dunha rapaza máis bonita que os ouros do Perú. Ela ten ollos e… ¡Como vai cangar cun vello!
O BOTICARIO ¡Quen sabe! ¿Non me dixo vostede que ten diñeiro?
A MORTE Con diñeiro non se merca o que eu apetezo. Hai galáns novos no mundo, e nós, os vellos, xa non temos engado para namorar mozas. (…) Tódolos vellos cheiramos a morto. Todos damos noxo.
Castelao. Os vellos non deben de namorarse (1941)
A PROSA DO PRIMEIRO TERZO DO SÉCULO XX
A PROSA DO PRIMEIRO TERZO DO SÉCULO XX
MÁIS SOBRE A PROSA NO PRIMEIRO TERZO DO SÉC. XX
PREGUNTA 5.
Educación literaria:
5. Contextualice o texto na época literaria correspondente e identifique e explique dúas características da obra, recorrendo sempre a exemplos tirados do propio texto. Sinale e explique brevemente outras dúas obras representativas de autores diferentes da mesma época literaria que Vicente Risco. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
“Pois, don Celidonio veu de Castela, de mancebo do Baldomero García, onde botou moitos anos curtindo os sabañóns, enzoufado no aceite e no bacallau. Tamén Baldomero García viñera de Castela, vendendo queixo de pé de mulo polas portas, cunha blusa azul curta, cirigolas e chapeo coma o dos charros de Salamanca. Era pequeno, feito de cordas e sarmentos, e tiña a gadoupa enguruñada, adoito para apaña-las cadelas.”
Vicente Risco, O porco de pé (1928).
A POESÍA NO PRIMEIRO TERZO DO SÉCULO XX
A POESÍA NO PRIMEIRO TERZO DO SÉCULO XX
4.1. Este poema de Luís Pimentel pertence ao libro Sombra do aire na herba (1959). Relacione o texto, brevemente, co conxunto da escrita do autor e coa poesía do seu tempo. Indique o tema central do poema xustificándoo a partir de exemplos tirados do texto e analice as principais figuras literarias que nel se empregan. Extensión aproximada: 200 palabras. (2,25 puntos).
Solpores da miña vila
Solpores da miña vila,
longos, case eternos.
(Os anos pasan rápidos;
os días, lentos).
A luz esvara
polo meu piano lustroso.
¿Que música lle poñeremos?
As maos, soñan.
Solpor de prata
sobor do ébano.
Penso nos poetas mortos.
Calma, calma...
Tarde inmóbil, eterna.
Quédase docemente
¿en que soedade, lonxe?
ceo, ceo, máis ben luz.
Equilibrio deste gris
tan tenro.
Non, non hai paisaxe
nin carne nin sangue.
Solpores da miña vila,
longos, lentos, música.
As maos, soñan.
Luís Pimentel, Sombra do aire na herba (1959)
Criterios:
-Relacionar o poema, brevemente, co resto da produción do autor e coa poesía do seu tempo. (0,5)
-Determinar o tema central do poema, xustificándoo a partir de exemplos tirados del: contemplación melancólica dos vagarosos solpores dunha vila. (0,75)
-Sinalar as principais figuras literarias empregadas no poema: preguntas retóricas, reiteracións, metáforas; estruturas paralelas. (1)
-Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso. (0,75)
ESCOLMA TEXTOS PRIMEIRO TERZO DO SÉCULO XX
3. A LINGUA ESTÁNDAR, SOCIOLECTOS E DIALECTOS (O BLOQUE OCCIDENTAL)
A LINGUA ESTÁNDAR E OS SOCIOLECTOS
Este texto pertence á novela Avelaíñas eléctricas (2022) de Sica Romero. Indique que variedade dialectal reflicte xustificando a súa adscrición mediante, como mínimo, catro exemplos tirados do relato. A partir desta narración e dos seus trazos dialectais elabore logo un texto expositivo-argumentativo sobre o valor das variedades dialectais das linguas, especialmente da lingua galega. Extensión aproximada: 120 palabras. (2 puntos).
Sen máis nin máis, desacóughaste. Que che pasa? É o nerviosismo que aparese. Así, sen máis nin máis. Pásache muitas veses despois de días estraños, no momento de sentar, cando deixas de moverte e faser cousas. (...) Ó fondo, unha parella crusa frases soltas. Ela apoucada. El cani. Por pouco que mires entendes que nin se coñesen. (...) Apetéseche escribir. Faselo sen parar pra botar fóra. Pensas se deberías meter esta parte da nuite no caderno.




Comentarios
Publicar un comentario