SOBRE PAU 2º BAC
Estrutura do exame das PAU en Lingua Galega e Literatura no curso 2024-2025
(Segundo a Circular de setembro 2024)
O exame constará de 4 preguntas de resposta obrigatoria, de 2,5 puntos cada unha. A primeira pregunta non terá posibilidade de escolla e todos os seus apartados serán obrigatorios. As seguintes tres preguntas (da segunda á cuarta) poderán incluír posibilidade de escolla. Isto poderá darse nunha das preguntas, en dúas ou en tres. No caso de que unha persoa responda máis apartados dos que se requiren ou dúas opcións das que se debe escoller unha, só se corrixirá o primeiro desenvolvido.
**TEXTO DE INICIO
** PREGUNTA 1. Comunicación (2,5 puntos)
Esta pregunta non terá ningún tipo de optatividade, todos os seus apartados serán obrigatorios. Centrarase en cuestións sobre algún aspecto de comprensión e análise do texto:
• Resumir o texto ou unha parte del (cunha extensión aproximada de 60 palabras).
• Realizar un esquema ou indicar o tema.
• Indicar a estrutura.
• Identificar as ideas principais e secundarias.
• Explicar o significado concreto no texto dalgunha palabra, expresión ou fragmento.
• Recoñecer a intencionalidade. Será especialmente interesante que se perciba o sentido real do texto, alén da súa literalidade (pénsese en recursos como, por exemplo, a ironía, as presuposicións etc.).
• Identificar xéneros discursivos desde o punto de vista da comprensión, produción e análise crítica.
• Escoller entre varias opcións, para avaliar as competencias relacionadas coa comprensión etc.
A puntuación de cada un dos apartados desta primeira pregunta poderá variar dependendo do texto e das preguntas formuladas.
** PREGUNTA 2. Reflexión sobre a lingua (2.5 puntos)
Esta pregunta posuirá distintos apartados relacionadas cos saberes básicos relativos ás disciplinas lingüísticas (fonética e fonoloxía, morfoloxía e sintaxe, e semántica e lexicografía).
Para esta finalidade formularanse preguntas sobre:
1. Evidenciar a comprensión das posibilidades de creación de palabras e enriquecemento do léxico mediante a composición, derivación, parasíntese e acronimia.
2. Identificar e usar as diferentes clases de palabras.
3. Identificar e empregar axeitadamente as formas verbais e perífrases.
4. Identificar e empregar as clases de sintagmas/frases, os seus constituíntes e as funcións que poidan exercer nas cláusulas/oracións.
5. Identificar e usar as funcións primarias da cláusula/oración (suxeito, predicado etc.).
6. Identificar e usar as relacións existentes entre estruturas sintácticas.
7. Evidenciar a comprensión das diferentes relacións léxico-semánticas das palabras (sinonimia, antonimia, hiperonimia, campo léxico e campo semántico, mediante a identificación nun texto ou o emprego de sinónimos, antónimos etc.).
8. Explicar o significado concreto no texto dalgunha palabra, expresión ou fragmento.
Para maior claridade, sinálanse 4 aspectos adicionais sobre esta segunda pregunta:
1. Non se pedirá unha análise sintáctica formal de oracións/cláusulas.
2. Non se pedirá análise morfolóxica de palabras, pero poderá pedirse identificación de elementos dalgún dos seus constituíntes para relacionalos con outras palabras e atopar familias léxicas ou descubrir os significados dos mesmos morfemas noutras palabras e comprender mellor o léxico do texto.
3. Poderase preguntar por algúns dos elementos que contribúen a dotar de cohesión e coherencia un texto, como antecedentes de relativos, referentes textuais de pronomes, valores anafóricos e catafóricos dalgún elemento, nexos e conectores, etc., pero non se pedirá unha análise xeral dos mecanismos de cohesión dun texto determinado (aínda que se valorará o seu uso na produción textual).
4. As preguntas non serán teóricas; non se trata de reproducir memoristicamente, senón de identificar o valor de unidades lingüísticas nun contexto determinado para unha máis profunda comprensión textual.
** PREGUNTA 3. A lingua e os seus falantes (2,5 puntos)
Teranse en conta os criterios de avaliación CA1.1 e CA1.2 a partir da análise de estímulos (textos, viñetas, estatísticas, gráficas, mapas...) vinculados aos saberes básicos do bloque 1.
Con carácter orientativo e non excluínte poderán versar sobre:
- Aspectos sociolingüísticos: prexuízos, normalización...
- Variedades dialectais
- Rexistros lingüísticos
- Linguas da Península Ibérica.
Esta pregunta implicará a produción dun texto cunha extensión aproximada de 200 palabras (arredor de 25 liñas, cunha caligrafía de 8 palabras por liña).
** PREGUNTA 4. Educación literaria (2,5 puntos)
Os textos escollidos serán representativos de movementos ou períodos literarios.
Entre as posíbeis preguntas que poden formularse neste bloque, atópanse:
- A partir do texto proposto e do enunciado da pregunta, identificar as características da escrita do autor/a de xeito que poidan relacionalo coa escrita doutras autoras/es, movementos, ou correntes literarias.
- Comparar dous textos literarios en función da súa temática, forma...
- Elaborar un comentario literario guiado. En todos os casos, precisarase que se xustifique a resposta con exemplos do propio texto.
Esta pregunta implicará a produción dun texto cunha extensión aproximada de 200 palabras (arredor de 25 liñas, cunha caligrafía de 8 palabras por liña).
NOTA:
Consonte o disposto no apartado décimo do artigo 13 sobre cualificación da proba de acceso do citado Real Decreto 534/2024, no que se refire á corrección relativa a coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos elaborados, así como a súa presentación, a puntuación outorgada a esta finalidade será do 20 por cento da nota de cada pregunta. Non obstante, a aplicación destes parámetros poderá flexibilizarse no caso de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.



Comentarios
Publicar un comentario